Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo acollerá do 13 ao 19 de xullo un stage de perfeccionamento técnico-táctico feminino de baloncesto.

Ribadeo, 5 de xullo de 2025. Ribadeo Basket Pro 2025 terá lugar do 13 ao 19 de xullo. Trátase dun stage de perfeccionamento técnico-táctico feminino de baloncesto destinado a rapazas nadas no 2011 ou en anos anteriores.

Da man de grandes profesionais gozarán de adestramentos específicos, traballo individualizado, desenvolvemento de fundamentos técnico-tácticos ofensivos e defensivos, preparación física orientada ao xogo ou nutrición deportiva.

O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, subliñou que “as rapazas que participen neste stage recibirán formación de adestradores de primeiro nivel e tamén de preparados físicos e fisioterapeutas”.

E engadiu: “seguimos apostando polo baloncesto e acollemos este verán unha nova edición de Ribadeo Basket Pro. Agardamos que moitas rapazas se animen a participar”.

O evento está organizado por Droce. Conta co financiamento da Área de Deportes da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e coa colaboración da Xunta de Galicia, do Concello de Ribadeo, CB Ría de Ribadeo, Ensino Lugo, Jim Sports e Candelas.

A presentación tivo lugar no pavillón municipal de deportes ribadense.

Exit mobile version