O Presidente comprobou o resultado dos traballos xunto á Alcaldesa barreirense, a tenente de Alcaldesa e concelleiros e concelleiras, nesta vía na que se investiron preto de 210.000€ para renovar a totalidade da estrada de algo máis de 2 quilómetros
Tomé Roca supervisou coa Alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida; a tenente de Alcaldesa, Carmen Veiga; e concelleiros e concelleiras municipais, estas obras que realizou a empresa Grupo Bascuas 2008 SL. As tarefas consistiron na limpeza de cunetas, na repavimentación do firme con aglomerado en quente, na sinalización horizontal mediante marcas reflexivas brancas e na reposición da sinalización vertical.
O mandatario provincial destacou que “esta é unha actuación moi relevante para o municipio mariñán xa que esta estrada conta con elevado volume de tráfico especialmente na época estival, pois conecta coa N-634 e á LU-P-0610 que dá a unha das zonas máis turísticas de Barreiros, a praia de Coto. A mellora desta vía garantirá a circulación dos seus usuarios e usuarias nas máximas condicións de seguridade e comodidade”.
Engadiu que “o proxecto forma parte da aposta decidida da Deputación por mellorar a rede viaria provincial e contribuír ao desenvolvemento socioeconómico dos concellos. No caso concreto de Barreiros, esta intervención non só mellora a mobilidade e a accesibilidade, senón que tamén reforza a proxección turística do municipio, facilitando un acceso máis seguro e eficiente a un dos seus principais atractivos naturais”.
Unha aposta polas comunicacións
Ademais, o Presidente enmarcou estas actuacións no “firme compromiso que mantemos coa mellora da rede provincial, a máis extensa de España con máis de 4.000 quilómetros de lonxitude”. Incidiu tamén en que “este proxecto está dentro do Plan de Mellora de Estradas que temos en marcha desde a Deputación de Lugo co que acometeremos obras en 400 quilómetros de vías provinciais, cun investimento total que supera os 15 millóns de euros”. Neste sentido destacou José Tomé que “xa están en proceso de contratación preto do 90% dos 80 proxectos iniciais”.