O mandatario provincial enmarcou este acordo no compromiso de colaboración da institución cos concellos para que poidan ofrecer máis e mellores servizos á veciñanza e valorou que a actuación “mellora a accesibilidade a recursos municipais básicos”
“Tratase dunha actuación moi importante para Xermade, porque conseguimos a mellora da accesibilidade a recursos municipais básicos”, valorou o mandatario provincial, que enmarcou este acordo no compromiso de colaboración da institución cos concellos para que poidan ofrecer máis e mellores servizos á veciñanza. O proxecto contemplou a renovación das beirarrúas de dúas arterias fundamentais para Xermade: as da Avenida das Pontes e da Avenida Vilalba, conectadas entre si e que dan acceso dende a Casa Consistorial á Biblioteca Municipal, a un parque infantil, ao polideportivo, ao CEIP da localidade, ao Centro de Saúde ou ao cuartel da Garda Civil.
García Pernas explicou que as plataformas estaban “en moi mal estado” e que son moi empregadas pola veciñanza, polo que “con esta actuación melloramos a comodidade e a seguridade de todas e todos”. Detallou ademais que grazas a estas obras soterráronse os cables do alumeado público e renováronse as tubaxes da traída municipal.
Senda peonil
Este acordo entre a Deputación e o Concello permitiu ademais a construción dunha senda peonil, paralela á estrada provincial LU-P-2205 que conecta Xermade con Porto Souto, que dá continuidade á beirarrúa existente, mellorando a seguridade dos veciños e das veciñas do municipio. O novo sendeiro ten un ancho de 1,80 metros e conta cunha rede de pluviais para recoller a auga das chuvias.