O campamento desenvólvese de luns a venres en horario de 10:00 a 14:00 horas, e está centrado na actividade física e a convivencia sen o uso de dispositivos electrónicos, como móbiles ou tabletas. O obxectivo é fomentar a interacción directa, o deporte, a creatividade e o respecto ao entorno, afastando á mocidade das pantallas durante a xornada.
Como parte da programación, o campamento incluirá tamén unha saída semanal fóra das instalacións, que permitirá aos participantes gozar de experiencias diferentes en contornas variadas. A primeira tivo lugar esta semana e incluíu unha carreira de karts e un paseo a cabalo, dúas actividades que combinaron lecer, deporte e aprendizaxe.
O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou que “este é un novo paso dentro do noso compromiso coa conciliación das familias e coa creación de espazos para que a mocidade desfrute do verán de maneira activa, segura e saudable. É a primeira vez que organizamos un campamento xuvenil durante xullo e agosto, e a acollida está sendo moi positiva”.
Desde o Concello de Trabada sinalan que se seguirá traballando para ampliar a oferta de programas de verán, con iniciativas que favorezan a participación da infancia e da mocidade, promovendo valores e fortalecendo o tecido social no municipio.