Site icon Crónica3.com A Mariña

Un condutor perde a vida en Xermade tras unha saída de vía

Xermade, 17 Xullo, 2025. O vehículo caeu por unha cuneta bastante profunda e o ocupante quedou atrapado no interior.

Deste xeito, necesitouse a intervención dos bombeiros, ademais do equipo médico, que nada puido facer por salvar a vida do condutor.

Segundo a información recollida no 112 Galicia, o sinistro produciuse pasadas as cinco desta tarde na LU-540, ao paso por Roupar, en Xermade. Unha testemuña do accidente púxose en contacto co 112 para alertar do que sucedía e explicou que o coche saírase da vía e a persoa que ía no interior non respondía a estímulos.

Con esta información, activáronse os protocolos correspondentes para unha reposta coordinada, que garantise a atención do equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Vilalba, dos voluntarios de Protección Civil de Xermade e dos axentes da Garda Civil de Tráfico.

Aínda así, nada puido facerse por salvar a vida deste condutor, que tivo que ser liberado polos bombeiros do parque comarcal.

Exit mobile version