Site icon Crónica3.com A Mariña

Un proxecto de Mondoñedo recibe o primeiro premio nacional Red Eléctrica – España Creativa 2025

Mondoñedo, 30 de xuño de 2025. O proxecto mindoniense “Artesanía do Pasatempo” vén de ser recoñecido co 1º Premio Red Eléctrica – España Creativa 2025, outorgado no marco do I Encontro Nacional de Emprendedores Creativos celebrado na Ribeira Sacra entre o 26 e o 29 de xuño.

Seleccionado entre unha ducia de iniciativas culturais e sociais de todo o Estado, o proxecto destacou polo seu enfoque de futuro, centrado na recuperación dos oficios tradicionais como motor de desenvolvemento territorial, cultural e económico.

Un centro cultural en marcha desde a práctica

A proposta premiada consiste na creación do Centro Cultural Artesanía do Pasatempo, un espazo en fase de proxecto que se localizará no barrio dos Muiños de Mondoñedo, e que aspira a converterse nun punto de referencia para a divulgación, aprendizaxe e práctica viva dos oficios artesáns. O centro albergará no futuro talleres formativos, residencias artísticas, actividades educativas e iniciativas de creación contemporánea ligadas á cerámica, forxa, gravado, fotografía ou xoiaría.

Actualmente, mentres se desenvolve o proceso de rehabilitación da nave principal, parte das actividades promotoras do proxecto están xa en funcionamento no Alfar Os Muiños, onde se producen pezas cerámicas, impártense cursos especializados e se fomenta a relación entre creación, territorio e comunidade.

Un recoñecemento á creatividade con raíces

O xurado destacou a combinación entre tradición e innovación, o valor pedagóxico da proposta e o seu compromiso co medio rural como espazo fértil para o emprendemento cultural.

A entrega do galardón tivo lugar o sábado 28 de xuño no Hotel Cardenal de Monforte de Lemos, durante a gala oficial do Encontro Nacional España Creativa, que contou co apoio da Xunta de Galicia, a Deputación de Lugo, o Ministerio de Cultura e diversos concellos e entidades do territorio da Ribeira Sacra. O premio foi entregado en man pola Tenente de Alcaldesa de Monforte, Gloria Prada.

Unha rede en construción

Detrás do proxecto atópanse os artesáns Maica Juncal Cabaleiro e Marcelo Scapinachis Viacava, que desenvolven o seu traballo de maneira individual e complementaria. Maica é responsable do taller Artesanía do Pasatempo, especializado en bixutería cerámica e aplicacións de Kintsugi, co que participa activamente en feiras e eventos. Marcelo, pola súa parte, dirixe o taller Esquina Atlántica, inscrito no Rexistro Oficial da Artesanía de Galicia co nº 79, en activo desde o ano 1991.

Ambos están actualmente impulsando a creación da cooperativa Esquina Atlántica Sociedade Cooperativa Galega, entidade coa que desenvolverán conxuntamente este centro cultural e outros proxectos de dinamización arredor da artesanía e a cultura do feito a man.

Exit mobile version