A Vicepresidencia da Deputación impulsa esta formación, que pretende facilitar a continuidade da apicultura como actividade principal ou complementaria
A actividade formativa, impartida por persoal da Casa do Mel de Goente, comezou este luns con todas as prazas cubertas e cun programa centrado na mellora xenética dos apiarios. Ademais de recibir nocións teóricas sobre selección e técnicas de reprodución das abellas, os apicultores poderán seguir as explicacións dun xeito práctico nun colmeal da Ínsua, en Cabarcos.
O deputado de Rural Daniel García, a alcaldesa de Barreiros Ana Ermida e o concelleiro de Rural e Medio Ambiente Dámaso Ratoeira chegáronse ata a escola de Barreiros, a carón da Casa do Concello, onde se impartiu a primeira xornada da formación, que durante a semana na escola de Celeiro.
Ademais de dar a benvida aos asistentes, o deputado explicou que esta formación pretende mellorar e actualizar os coñecementos dos apicultores e facilitar a continuidade desta actividade produtiva, sexa de xeito principal ou como actividade complementaria.
O curso, que conta coa colaboración do Concello de Barreiros, inclúese na segunda edición do programa de formación impulsado pola área de Rural para apoiar o desenvolvemento da apicultura que chegará ao longo do ano a diferentes localidades da provincia.
Ademais do curso en Barreiros, está en marcha un curso de iniciación á apicultura no Concello de Cervantes, que se iniciou esta fin de semana e que continuará os días 17 e 18 de xullo.