Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG denuncia que ordenan ás médicas internistas do Hospital da Mariña ingresar as e os doentes no HULA

“A Dirección do Hospital da Mariña ordena por escrito ao persoal facultativo que asume as gardas de área médica, que as e os pacientes que requiran de ingreso a cargo de medicina interna, sexan ingresados en Lugo”

dav

Burela, 27 de agosto, 2025. Dende CIG-Saúde denuncian que habendo camas libres no Hospital da Mariña, estanse a derivar por orde da Dirección e contra a vontade do persoal facultativo de plantilla e contra a vontade das e dos usuarios, pacientes que requiren de ingreso cara o HULA pola incapacidade da equipa Directiva para dotar ao centro do persoal necesario para asumir as necesidades sanitarias da Comarca.

A Central Nacionalista cualifica de pésima planificación o peche da planta de Medicina Interna (38 camas pechadas) durante xullo, agosto e setembro no Hospital da Mariña, denunciado xa por esta central sindical o pasado 11 de xuño, por carecer de calquera xustificación técnica posíbel e convida á Directora, Xerente e demais responsables políticos de tal decisión, a que den explicacións públicas as e os pacientes que son forzados a ingresar en Lugo tendo camas valeiras no seu hospital de referencia, o hospital da Mariña. Advirten que detrás da boa aparencia pola renovación das fachadas, dando a impresión de que se está a apostar polo crecemento do hospital, agóchase un hospital desmantelado pola falta de persoal.

Traslados grupais de pacientes para ingresar no HULA

Segundo información que achegan á CIG, o pasado luns 25 de agosto do 2025, ante a necesidade creada de ingresar pacientes en Lugo, o Hospital da Mariña prescinde das ambulancias destinadas a traslados urxentes, deseñadas para un máximo de dous pacientes, e novamente da paso á utilización de ambulancias destinadas ao transporte de pacientes que acoden a rehabilitación ou a diálise, as coñecidas como de transporte colectivo, repetíndose o acontecido en marzo deste mesmo ano . A calidade asistencial pasa a un segundo plano establecéndose como prioridade a evacuación de pacientes e así, deste xeito, polo que fomos coñecedores logo de que unha paciente nos chamara para expresar seu enfado e malestar, grupos de 4 pacientes nunha mesma ambulancia e ao cargo de unha soa enfermeira, emprendían viaxe interhospitalario dende un hospital parcialmente pechado, o de A Mariña, ata o hospital da cidade de Lugo, o HULA.

A CIG ten denunciado en reiteradas ocasións a degradación do hospital da Mariña e a precariedade laboral dos profesionais da sanidade da comarca “A consecuencia directa desta política laboral da Xunta do PP é que a data de hoxe, atopámonos sen persoal dabondo para cubrir as necesidades básicas en materia de saúde da comarca e que os pacientes que deberan estar ingresados no Hospital da Mariña, atópanse a máis de 100km arrastrando con eles as súas familias”, reiteran.

Dende a Central Nacionalista afirman:  non imos deixar de berrar “onde están os maís e mellores servizos” que falsamente nos venderon. Este é o froito das políticas sanitarias do Partido Popular polas cales “atopámonos con menos e peores servizos, máis derivacións e ingresos no HULA de pacientes da Mariña, e a imposibilidade de garantir una sanidade equitativa, digna e de proximidade a todas e todos os que vivimos na Mariña.

Exit mobile version