Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación achega 250.000€ a Xermade para mellorar a mobilidade no rural do municipio

O Presidente, José Tomé Roca, e o Alcalde, Roberto García Pernas, veñen de asinar un convenio para colaborar no acondicionamento de diferentes vías municipais que artellan as comunicacións en catro parroquias deste concello

Lugo, 20 de agosto de 2025. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o Alcalde de Xermade, Roberto García Pernas, veñen de asinar un convenio de colaboración polo que a institución provincial achegará 250.000€ ao Concello para mellorar a mobilidade no rural do municipio. En concreto, o acordo servirá para o acondicionamento de diferentes vías municipais que artellan as comunicacións da localidade ao seu paso por catro parroquias.

Grazas a este investimento da Deputación, o Concello de Xermade mellorará estradas con aglomerado nos lugares da Ermida (Roupar), A Veiga (Lousada), O Camiño (Xermade), As Casasnovas (Burgás), A Silva (Xermade), O Seixido (Xermade) e A Arredoada (Burgás). Unha actuación da que se beneficiarán, de xeito directo, o cento de veciños e veciñas que viven nestas aldeas e coa que se mellorarán as comunicacións do municipio, posto que son vías que comunican con estradas provinciais e autonómicas.

Tomé Roca enmarcou esta colaboración na cooperación cos concellos e no compromiso coa mobilidade que ten adquirido o Goberno provincial. “Sabemos que manter servizos no rural é básico para fixar poboación, e unhas boas comunicacións son imprescindibles para acadar ese obxectivo”, valorou o mandatario provincial.

Pola súa parte, o Alcalde de Xermade, Roberto García Pernas, agradeceu a implicación da Deputación e destacou a importancia desta achega. “Trátase dunha actuación fundamental para mellorar a seguridade viaria e a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas. Ademais, supón un paso máis para seguir facendo do noso concello un lugar con máis oportunidades”, subliñou.

Exit mobile version