A actividade foi presentada pola alcaldesa Mariña Gueimunde e representantes da Asociación Proa
As actividades comezarán o sábado 9 cunha mostra de cantería (17.30 a 21.30 horas), á que seguirán o cartón pedra o domingo 10 (17.30 a 21.30) e o gravado en vidro o luns 11, tanto en horario de mañá (11.00 a 14.30) como de tarde (17.30 a 22.00). O xoves 14 será a quenda da cestería (de 11.30 a 13.30 e de 18.00 a 20.00 horas) e o venres 15, dos instrumentos musicais (no mesmo horario). A sala do Conservatorio acollerá ese mesmo día unha exhibición de palilleiras (11.00 a 18.00). O sábado 16 terá lugar unha demostración de fiado con roca, tamén en sesión de mañá e tarde, e o domingo 17 pecharase a programación coa bonequería.
O día da inauguración, no posto «Encontros» instalarase un posto da Comisión de Festas de San Roque con material promocional. O cartel da Feira de Artesanía é obra de Neira Brochs.
Mariña Gueimunde, alcaldesa de Viveiro, salientou durante a presentación da iniciativa o valor da feira como espazo de encontro interxeracional e para darlle visibilidade ao traballo artesán: «A artesanía é parte da nosa identidade como pobo e esta feira permite conectar tradición e creatividade, dándolle ao público a oportunidade de coñecer en directo como se elaboran pezas únicas».