A cita deportiva foi presentada pola rexedora Dolores García Caramés, polo edil de Deportes David Rodríguez, e por membros do Club Maderas Barcia Cervo que organiza a cita coa colaboración do Concello de Cervo.
Tal e como explicaron desde a organización, a inscrición permanecerá aberta ata o próximo 26 de agosto a través da ligazón tourmariña.com.
Ademais da carreira de adultos, tamén se establecerán percorridos alternativos adaptados ás crianzas, desde a categoría Pitufos Sub 8 ata Cadetes.
Haberá trofeos para os tres primeiros clasificados en todas as categorías, obsequios para os mellor clasificados locais, e os 100 primeiros inscritos na carreira de adultos recibirán unha camiseta técnica conmemorativa.
«Quero convidar a toda a veciñanza e ás persoas amantes do deporte, tanto de Cervo como de fóra, a que se sumen a esta III Carreira Popular Sanci 5 KM. É unha ocasión perfecta para gozar do exercicio, do ambiente festivo e para vivir San Ciprián dunha maneira diferente», subliñou a rexedora Dolores García Caramés.