Cando preparamos a exposición en homenaxe a Xusto Moreda, tivemos a ocasión de nos achegar até Vilaúde, en Alfoz, para charlar con Manuel Lourenzo sobre a vida e a obra do artista ribadense. Foi unha tarde de parola ben agradábel. Para nós supuxo un pequeno repaso da vida cultural do país e do espírito aventureiro daqueles mozos e mozas que se negaban a deixarse arrastrar pola incultura do franquismo (político, económico e sociolóxico) e eran quen de recuperar o pulo creativo da Xeración Nós e o devezo das xentes dos anos 30 por seren donos e donas do seu futuro e sentiren orgullo pola nosa lingua, pola nosa cultura. Xentes como Manuel Lourenzo déronlle un impulso infindo desde o mundo do teatro.
Hoxe, chéganos a triste nova do seu pasamento. Desde aquí queremos dar o noso máis sentido pésame a Montse, a súa dona, e a Filla e Brandán. Será moi difícil cubrir o oco que deixa. Pero sirvan desde aquí estas verbas para ir aos pouquiños enchendo de consolo ese baleiro que sentimos.
É obriga de todas as persoas que puidemos gozar da súa amizade e charla afábel, de todas as persoas que vivimos o teatro coa paixón que o noso veciño mariñán de Ferreira do Valadouro sempre lle puxo, mantermos viva a súa posta en escena, o seu verbo intenso e a súa interpretación maxestosa. Pechouse un pano, pero ábrese outro: o de mantermos viva a súa memoria facendo do teatro galego un dos nosos sinais de identidade. Longa vida ao teatro! Sempre viva en nós a interpretación magnífica de Manuel Lourenzo!