Despacháronse 87 abonos para público adulto e as obras do luns e do martes da sesión nocturna tiveron cheo total
En total, a Mostra de Teatro Galego logrou despachar 87 bonos para adultos, superando a cifra conseguida o ano anterior. Este pase permitía seguir en vivo as cinco funcións que o evento ofreceu no Auditorio Municipal en sesión nocturna. Pero, a maiores, foron moitas persoas máis as que se achegaron á instalación para gozar co talento interpretativo de compañías como Náufragos, Culturactiva, Malasombra ou Chévere, destacando os dous cheos que conseguiron estas dúas últimas compañías nas sesións do luns 4 e do martes 5 de agosto.
O domingo 3 abriuse a programación co acto de inauguración na Praza da Pulida a cargo da compañía Pedras de Cartón, que interpretou a súa peza ‘Moby Dick’. Nesa mesma localización, pero no horario nocturno, actuou a Compañía de Danza Fran Sieira co espectáculo ‘Un baile ceibe’. Ambas actuacións congregaron a un numeroso público na praza cariñesa.
Xa o luns, 4 de agosto, os espectáculos trasladáronse ao Auditorio Municipal, cunha primeira xornada na que ‘A nena e o grilo camiño das cores’, de Teatro dos Ghazafelhos & Magín Blanco, congregou a máis de 80 espectadores. Na sesión de noite, coa obra ‘Testosterona’ de Malasombra Producións, encheuse o aforo dispoñible, coa venda de máis de 100 entradas.
O martes 5 de agosto foi a quenda de ‘A nova historia da cigarra e a formiga’, de Teatro del Andamio, con máis de 120 entradas, mentres que o Grupo Chévere e a súa obra ‘As Fillas Bravas de Momán 2025’ repetiu o cartel de ‘todo vendido’ con máis de 100 entradas.
A sesión infantil do mércores 6 de agosto foi a que máis éxito tivo dentro do seu horario, coa interpretación de ‘Molto Barroco’ da Compañía Píscore, congregando a máis de 120 espectadores. Pola súa banda, ‘Ubasute’ da Compañía Berrobambán, rexistrou preto de 50 entradas vendidas.
O xoves 7 de agosto estivo protagonizado por ‘Bule Bule’, de Náufragos Teatro, con máis de 70 entradas, e por ‘Nada se sabe’, de Culturactiva Producións, con máis de 40 entradas vendidas.
Xa para rematar os espectáculos no Auditorio Municipal, o venres 8 de agosto celebráronse as obras ‘Crisálida’, de Caramuxo Teatro, con preto de 100 entradas vendidas, e ‘Arte sen guión’, da Compañía Galeatro, con máis de 60 entradas.
A XLVII edición da Mostra rematou o sábado, 9 de agosto, cunha dobre sesión de espectáculos circenses na Praza da Pulida, ambos de balde. Zirko Txosko actuou na quenda matutina con ‘Oh Pera!’, mentres que a Agrupación AsSircopatas fixo o propio na nocturna con ‘Rogelio III. La Fête’. Os dous espectáculos contaron cun numeroso público nas inmediacións da praza.
O número de entradas vendidas por cada sesión é aproximado e non inclúe os asistentes que accederon ás funcións nocturnas cos bonos, polo que o número de asistentes en cada unha destas sesións foi maior.
Cabe destacar que certos sectores non tiveron que pagar a entrada para algunhas representacións, como foi o caso dos nenos e nenas do campamento de verán do Concello de Cariño ou as persoas usuarias da Asociación Aspromor, que tamén acudiron como público a algunha obra completamente de balde.
Fin a unha edición “exitosa” que consolida á Mostra como referente
Segundo explicou a concelleira de Cultura, Laura García, o balance da 47ª edición da Mostra é “moi positivo”, catalogándoa como “exitosa”: “Estamos moi satisfeitos polo éxito desta 47ª edición da Mostra de Teatro Galego. Durante sete días, Cariño converteuse nun auténtico escenario aberto ás artes escénicas, cunha programación variada que logrou superar a media das cen persoas de asistencia diaria. É un orgullo ver como o público segue a responder con tanto entusiasmo”, apunta García.
Na mesma liña, a edila destacou que “este ano superamos a cifra de abonos vendidos respecto da edición anterior, o que confirma a fidelidade do público e a consolidación da Mostra de Teatro Galego de Cariño como un referente no sector a nivel comarcal e galego”.