Esta é a primeira Relación de Postos de Traballo (RPT) a cal establece un novo organigrama e un modelo de xestión adaptado ás necesidades actuais do Concello
A RPT inclúe o novo organigrama municipal, o manual e a valoración de postos, así como as fichas descritivas de cada un deles. O documento establece así un sistema de funcionamento adaptado á realidade actual da administración local.
Segundo explicou a alcaldesa, Carmela López, “dispor dunha RPT supón ter unha ferramenta clave para organizar o persoal, clarificar funcións e responsabilidades, e mellorar a coordinación interna para prestar un mellor servizo á veciñanza”.
Ata agora, o Concello non dispoñía dunha Relación de Postos de Traballo, circunstancia que dificultaba a planificación e modernización dos recursos humanos. A nova estrutura busca avanzar cara a un modelo de xestión máis eficiente e transparente, recoñecendo de maneira equilibrada as funcións e responsabilidades de cada posto.
“Acordamos por unanimidade un documento que se levaba anos reclamando e que, ademais, era un compromiso firme deste equipo de goberno. É unha mellora que repercutirá directamente no funcionamento diario do Concello e, polo tanto, no servizo que reciben todos os veciños e veciñas”, indicou a rexedora, que tamén agradeceu “o traballo e implicación de todo o persoal técnico, asesores, representantes sindicais e do equipo de goberno que fixeron posible este acordo histórico”.