Mario Pillado, Sandra Fernandez Cillero e Daniel García presentaron o proxecto que creará un novo espazo de lecer para a rapazada na contorna do edificio municipal
A Xunta de Goberno aprobou este venres o convenio de colaboración entre a institución provincial e o Concello para levar a cabo o proxecto, que suporá un investimento de 273.000 euros.
O deputado de Rural, Mar e Mocidade Daniel García, o tenente de alcaldesa de Burela Mario Pillado e concelleira de Servizos Sociais e Igualdade Sandra Fernández Cillero avanzaron esta mañá os detalles da intervención prevista, que creará un novo espazo de esparexemento para a rapazada na parte posterior do edificio con zonas axardinadas, mobiliario e materiais de xogo.
Mario Pillado, responsable de Xustiza Social, Educación e Mocidade, subliñou a importancia de acondicionar e modernizar o exterior do edificio: “Se queremos que a mocidade sinta este espazo como seu, que veña aquí a participar nas actividades e a disfrutar dos seus momentos de ocio, sobre todo no inverno, temos que ofrecer unhas instalacións atractivas”
O tenente de alcaldesa destacou “o aproveitamento da parte posterior do edificio para crear zonas axardinadas e instalar materiais de xogo co que seguimos gañando espazos para a rapazada, en liña cos obxectivos marcados no Plan de Infancia, Adolescencia e Xuventude que impulsamos desde o goberno municipal”
Daniel García valorou a “aposta da tenencia de alcaldía de Burela por situar a adolescencia e a mocidade no centro da axenda política e de investimentos, facéndose cargo da responsabilidade que temos cara ás novas xeracións e da realidade demográfica de Burela, dos concellos da provincia con maior porcentaxe de poboación menor de vinte anos”.
O responsable provincial incidiu na necesidade de “dispoñer espazos públicos de calidade para favorecer a socialización e a participación comunitaria, que ten unha especial relevancia nestas idades”.
A intervención renovará completamente o aspecto e as posibilidades de uso da contorna do edificio, que mantén a distribución dos anos noventa cando albergaba a escola unfantil.
Na entrada e no lateral da fachada sur, renovarase o pavimento e crearanse espazos verdes con zonas de descanso, unha mesa de teqball e aparcadoiros de bicicletas.
Na parte posterior do inmoble, axardinarase a zona verde e instalaranse bancos. Nesa fachada do edificio, está prevista a construción dun porche que dotará o inmoble dun espazo exterior cuberto no que se poderán desenvolver actividades ao aire libre.
O proxecto contempla ademais melloras no acceso ao edificio coa construción de novas escaleiras e dunha rampa, de 5, 5 metros de largo e 1,65 de ancho.
A intervención inclúe a renovación da instalación eléctrica, do saneamento de pluviais coa substitución de reixas, canlóns e baixantes e a instalación de bocas de rego para o mantemento das zonas verde. Ademais, instalaranse novas luminarias.
A estética do recinto renovarase co recebado e pintado das superficies de bloque e dos muros de formigón e coa retirada das portas de peche da parcela, que abrirá mais o espazo a rúa.
Coa aprobación do convenio en Xunta de Goberno, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo pon o orzamento para a execución da obra a disposición do Concello de Burela, que terá que licitar a obra. O proxecto estima un prazo de execución dos traballos de catro meses.