A Delegación Territorial acolleu hoxe a presentación da proba, na que se prevé a participación dunha trintena de xinetes de Galicia, Asturias e Castela e León
O delegado territorial, Javier Arias, presentou hoxe os detalles do evento xunto ao tenente de alcalde de Castro de Rei, Roberto Lorenzo, e Antonio López, José López e Pedro Iravedra, en representación do Club Hípico Val de Francos, entidade organizadora da proba. Tamén asistiu ao acto Nico López, o xinete máis novo que compite nesta disciplina en Galicia.
A proba contará coa participación dunha trintena de xinetes procedentes de distintos puntos de Galicia, así como de Asturias e Castela e León.
O programa inclúe tres categorías, con percorridos de 80, 60 e 40 quilómetros que discorren principalmente por camiños e pistas forestais do municipio chairego. Os organizadores destacan que se trata dun dos mellores circuítos da comunidade, grazas ao seu trazado por un terreo chan e sen pendentes.
Ao finalizar a xornada farase entrega de trofeos e agasallos aos participantes.
O delegado territorial puxo en valor iniciativas coma esta, “que combinan natureza, deporte e promoción do territorio”. Segundo indicou, eventos coma o Raid Val de Francos “contribúen non só a fomentar a práctica do deporte ecuestre, senón tamén a dar a coñecer a riqueza paisaxística e ambiental de concellos como Castro de Rei”.
Engadiu ademais que a participación prevista nesta edición “é novamente unha mostra do crecente interese que esperta esta proba, que se está a consolidar xa como unha cita de referencia no ámbito ecuestre do noroeste peninsular”.