A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visitou hoxe Begonte, un dos concellos beneficiarios das convocatorias deste ano
Así o destacou esta mañá en Begonte a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, quen lembrou que Augas de Galicia outorgou a través destes incentivos un total de 5 millóns de euros, repartidos en achegas de, como máximo, 45.000 euros por actuación.
Precisamente, o concello lucense de Begonte foi un dos que resultou beneficiario no marco da actual convocatoria; en concreto, recibiu unha axuda de 43.395,91 euros para mellorar o funcionamento da traída de augas municipal e á vez, reducir posibles fugas e perdas, e outra por importe de 45.000 euros para optimizar a rede de saneamento mediante a diminución das infiltracións.
Ao respecto, a responsable autonómica indicou que no caso do abastecemento, os traballos previstos comezarán en setembro e implicarán a substitución de varios colectores que presentan fugas en distintos núcleos rurais do municipio, a dixitalización da rede mediante contadores de caudal e outro tipo de melloras como a reposición do pavimento nalgúns puntos ou a instalación de arquetas e válvulas.
A outra actuación con financiamento por parte de Augas de Galicia no Concello de Begonte —tamén con data de inicio prevista para o mes de setembro— busca reducir as infiltracións de augas pluviais ou freáticas na rede de saneamento municipal para mellorar deste xeito o funcionamento da actual EDAR e reducir os custos de bombeo, explotación e mantemento.
En ambos casos, a conselleira salientou que aínda que se tratan de obras pequenas, teñen unha gran transcendencia para o municipio ao tempo que sinalou que os traballos previstos en Begonte permitirán darlle continuidade e completar as auditorías realizadas nos anos 2022 e 2024, grazas tamén a dúas axudas de Augas de Galicia.
Neste sentido, lembrou que a realización deste tipo de estudos permiten facer unha diagnose técnica e axeitada do funcionamento das redes municipais de augas, axudando a detectar os seus puntos débiles e propoñendo solucións aos problemas identificados xa que inciden na calidade dos servizos hidráulicos que se prestan.
Cómpre lembrar que grazas a estes incentivos económicos, a Xunta axudou a realizar xa 177 auditorías de abastecemento e de saneamento en toda Galicia nos últimos anos. En 2025 volveu convocar dúas ordes de axudas co mesmo fin, dotadas cun orzamento global de 1,4 millóns de euros e que permitirán encargar máis de 100 novas análises sobre o estado das traídas municipais e das redes de depuración.