Site icon Crónica3.com A Mariña

Aberto o prazo de inscrición para participar no I Trail de Ribadeo que terá lugar o 5 de outubro

Ribadeo, 26 de agosto de 2025. Ata o 1 de outubro está aberto o prazo de inscrición para participar no I Trail de Ribadeo. Está organizado polo Concello e terá lugar o 5 de outubro.

O obxectivo deste evento é fomentar a práctica do deporte ao aire libre, promover o respecto polo medio natural e dar a coñecer o patrimonio paisaxístico e cultural da zona.

O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, explicou que “haberá tres modalidades: trail longo (24 quilómetros), trail curto (12 quilómetros) e andaina popular (12 quilómetros). Para participar nos trails será preciso ter cumpridos os 18 anos e para a andaina a partir de 12 anos (menores acompañados dun adulto responsable)”.

As persoas interesadas en participar poden inscribirse en www.trailderibadeo.com. O custe para o trail longo será de 20 euros, para o curto 15 euros e para a andaina 10 euros. Inclúe seguro de accidentes, dorsal con chip (trails), avituallamientos, bolsa, asistencia e regalo conmemorativo. Hai límite de prazas: 150 para o trail largo, 250 para o trail corto e 200 para a andaina.

Haberá diferentes categorías nas que os tres primeiros clasificados en cada unha delas obterán trofeos.

Silvent anima a participar no I Trail de Ribadeo: “será boa forma de darlle a benvida ao outono practicando deporte ao aire libre o vindeiro 5 de outubro. Agardamos que a cita sexa un éxito”.

Exit mobile version