Site icon Crónica3.com A Mariña

Ameijide: “A día 1 de agosto os traballos de roza nas estradas provinciais non están rematados”

O portavoz popular lembra que “Tomé recoñeceu no último Pleno que non estaban rematados estes labores de desbroce nas marxes das estradas da Deputación de Lugo”

Lugo, 1 de agosto de 2025. “O goberno provincial de PSOE e BNG prometera rematar os traballos de desbroce das marxes das vías da Deputación a finais de xullo, pero a día 1 de agosto quedan estradas sen rozar”, segundo explica o portavoz popular, Antonio Ameijide. De feito, “así o recoñeceu o propio presidente, José Tomé, no último pleno”.

Con todo, os populares condenan as palabras de Tomé por dicir que “non sabía se quedaba algo por aí solto” cando “a realidade é que nas estradas provinciais dalgúns concellos aínda non remataron e noutros municipios non levan nin a metade”. É dicir, “falta máis do que o goberno provincial asegura”.

Así, “faltan vías por acondicionar”, por exemplo, en Monterroso -mentres que no concello veciño de Antas de Ulla están os traballos de roza das vías provinciais rematados, a maleza chega ás mesmas casas dos veciños do lugar monterrosino de Vilanova-. Tamén en Muras e Folgoso do Courel -ambos coa maior parte das estradas sen desbrozar-; Castro de Rei, Friol ou Riotorto onde estes traballos aínda están, aproximadamente, ao 50%; ou en Trabada -coas marxes da LU-P-6102 aínda por desbrozar-.

Ameijide fai fincapé na necesidade de desbrozar as marxes das estradas da Deputación que son “as principais vías de comunicación entre os distintos núcleos de poboación” e que polo verán rexistran un maior tráfico; xa sexa polas tarefas do campo propias desta época e que supoñen un volume importante de desprazamentos con maquinaria agrícola ou pola chegada de visitantes á nosa provincia”.

Do contrario, “a vexetación e maleza invade non só as cunetas, senón incluso parte da calzada diminuíndo o espazo para a circulación dos vehículos e dificultando a visibilidade dos condutores e usuarios”. Hai que ter en conta que hai casos de vías provinciais co asfalto en mal estado, cun trazado estreito e moitas curvas ou que discorren por lugares onde a néboa é habitual e, polo tanto, as condicións son cada vez máis adversas.

Os deputados do Partido Popular veñen reclamando ao goberno de PSOE e BNG na Deputación de Lugo “o mantemento da rede viaria provincial” para “garantir a seguridade dos usuarios”.

Ameijide engade que “os traballos de limpeza das marxes destas estradas non só melloran a seguridade; senón que son fundamentais para a prevención de incendios e tamén á hora de ofrecer unha boa imaxe da provincia aos nosos visitantes”.

“Non pode ser que a mediados do verán as estradas provinciais presenten un estado de abandono. Non pode ser que a Deputación de Lugo traslade esa imaxe da nosa provincia” porque “en nada axuda ao impulso turístico”. E lembra que “é fundamental nas zonas máis turísticas dispoñer dunhas estradas en bo estado para garantir a seguridade e favorecer o desenvolvemento do sector”.

Exit mobile version