O delegado territorial explicou na Praza de Abastos da capital que xa o descargaron 12.000 lucenses e máis de 1.900 fixeron o primeiro uso
O delegado animou aos consumidores a descargar e utilizar estes descontos, que suman 50 euros distribuídos durante 10 semanas. Así, en cada compra de peixe e marisco fresco obtense un desconto do 25% do importe ata un máximo de 5 euros semanais. De non alcanzar este tope, os remanentes acumulados de semanas anteriores poden sumarse ata alcanzar os 25 euros.
A campaña conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros e seguirá aberta á incorporación de novos comercios mentres estea vixente, ata mediados de outubro; prevé mobilizar en Galicia uns 10 millóns de euros e beneficiar a arredor de 150.000 persoas. O luns activáronse os primeiros 250.000 euros e nesta primeira semana de vixencia descargaron o bono 12.000 usuarios na provincia de Lugo, dos que máis de 1.900 fixeron xa o primeiro uso; na capital descargáronse 5.122 bonos e utilizáronse 757.
O delegado destacou o carácter pioneiro da medida, que sitúa a Galicia como referente internacional na promoción do consumo dos alimentos mariños, reforzando outras iniciativas como a foodtruck GALICIA SABE AMAR ou a promoción en feiras internacionais ou eventos deportivos e culturais.
“A Xunta -indicou o delegado- incentiva o consumo dos produtos pesqueiros galegos cun dobre obxectivo: dunha banda, apoiar unha actividade económica fundamental na Comunidade, e doutra, facilitar a adquisición por parte dos consumidores de alimentos de altísima calidade cun alto valor nutritivo”.