Unha das novidades deste ano será a colaboración do Resurrection Fest
A programación musical abrangue propostas para todos os públicos, desde verbenas con orquestras populares coma Suavecito, SuperTop ou Escaparate, ata concertos de artistas recoñecidos como Azúcar Moreno ou dos viveirenses A Trova da Mariña, Dúo Vivarium e Escolma. Tamén se celebrarán citas destacadas como o XXXIX Festival de Música Coral, organizado pola Coral Polifónica de Viveiro, e o XII Festival Bal y Gay, que traerá ao Teatro Pastor Díaz un recital a cargo de Borja Quiza, Andrea Rey e Javier Carmena.
As festas manterán as tradicións máis arraigadas, como os pasarrúas de xigantes e cabezudos, acompañados do grupo Bágoas da Terra, sesións vermú con grupos locais, presentacións de libros, proxeccións fotográficas, espectáculos de maxia e teatro, e o Pregón das Festas, que terá lugar o día 14 de agosto ás 19.30 horas na Praza Maior, a cargo do fillo predilecto e atleta olímpico Adrián Ben.
Subida ao Monte San Roque
Un dos actos máis emblemáticos das Festas Patronais terá lugar o sábado 16 de agosto: a tradicional subida ao monte San Roque. No alto, a misa dará comezo ás 10.00 horas na capela de San Roque coa participación do grupo Bágoas da Terra.
Este ano tamén se porá o foco na inclusión cun Día da Cativada, o 18 de agosto, no que se ofrecerá un espazo accesible e adaptado a nenos e nenas con diversidade funcional, con actividades sen música e sen colas entre as 17.00 e as 18.00 nos Xardíns Noriega Varela. Haberá ademais contacontos, xogos tradicionais, obradoiros e actividades para a infancia en distintos puntos da vila.
A programación cultural complétase coa Feira do Libro (do 12 ao 15 de agosto), a Feira de Artesanía (do 8 ao 17 e a exposición da Mostra Folklórica Popular Internacional de Viveiro, que este ano contará con delegacións de distintos países (do 5 ao 10). Tamén haberá espazos gastronómicos como a sardiñada popular do día 17 e eventos participativos como a ruta en kayak ou o xantar veciñal en Portochao.
No ámbito deportivo celebraranse varios torneos de fútbol, como o Memorial Tarrío ou o Trofeo Cidade de Viveiro, así como o XLVII Trofeo de Tiro Olímpico Concello de Viveiro, unha exhibición do Club Ximnasia Viveiro e a V Regata Provincial de Piragüismo.
A alcaldesa Mariña Gueimunde valorou de forma moi positiva o traballo realizado pola organización e o espírito inclusivo das festas: «Con estas Festas Patronais queremos construír un Viveiro aberto, diverso e dinámico, que conserve a súa identidade cultural pero que tamén mire cara ao futuro. Apostamos por unha programación ampla, que atenda os gustos e necesidades de toda a veciñanza, sen esquecer o público máis novo nin as persoas con diversidade funcional. A colaboración co Resurrection Fest simboliza esa vontade de conectar distintas sensibilidades e de aproveitar o noso potencial como referente cultural e turístico. Agradecemos a implicación de todas as entidades e colectivos que fan posibles estas festas, que desexamos que sexan un tempo de encontro, alegría e participación para todas e todos».
As Festas Patronais están organizadas polo Concello de Viveiro e a Comisión Viveiro en Festas, coa colaboración de distintas asociacións culturais, deportivas e sociais da vila. A programación completa está dispoñible nos espazos municipais e nas redes oficiais do Concello.