Os senadores do PP lucense formulan preguntas ao Executivo de España sobre a súa previsión para habilitar fondos con este fin
Máis concretamente, os populares inciden en coñecer a través de que fondos ou instrumentos, se é o caso, o Executivo estatal pretende colaborar con esta iniciativa e se esta industria -a única de produción de aluminio primario que queda en España- pode acollerse aos avais aprobados cunha dotación económica de 14.000M€ para facer fronte aos novos aranceis impostos por Estados Unidos ao sector do aluminio.
Balseiro explica que “un dos factores que lastran o futuro da planta de Alcoa San Cibrao, en pleno proceso de rearranque das súas cubas electrolíticas, é precisamente, o feito de verse obrigada a importar ánodos para producir aluminio porque non se fixo fronte a ese investimento para a construción dun novo forno despois de ter desfeito o antigo”.
Os populares fanse eco das palabras do comité de empresa cando explicou “que existiu un ofrecemento do Ministerio de Industria” para facerse cargo deste proxecto cando se reuniron en Santiago, coa entón ministra Reyes Maroto.
O senador insiste en que “a falta de estabilidade do marco eléctrico é o factor máis preocupante para a continuidade e futuro da industria electrointensiva como Alcoa” onde, ademais, “o Goberno de España incumpre gran parte dos seus compromisos” pois “os parques eólicos de competencia estatal seguen sen ser autorizados”.