A saída e chegada estarán situadas diante do Concello o sábado 13 de setembro
A etapa terá un percorrido de 147 quilómetros con saída ás 12:30 horas de diante da Casa do Concello e chegada prevista ao mesmo punto sobre as 16:00 horas. O trazado, que comeza en Barreiros, levará aos corredores a Ribadeo, A Pontenova, Riotorto e Trabada, antes de regresar de novo a Barreiros, nun traxecto esixente que contará con tres portos de 2ª categoría e un de 3ª.
A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, destaca a importancia deste evento deportivo: “É unha honra que Barreiros sexa escenario dunha etapa da Volta a Galicia. Este tipo de citas non só nos sitúan no mapa deportivo, senón que tamén supoñen unha oportunidade para dinamizar o noso concello, dando a coñecer a nosa contorna e o noso potencial como destino deportivo e turístico”.
Desde o Concello de Barreiros sublíñase tamén que: “Estáse a traballar man a man coa Vicepresidencia de Deputación Provincial e coa Federación Galega de Ciclismo para que esta etapa sexa un éxito, demostrando que Barreiros pode acoller probas de alto nivel coma é a Volta Ciclista a Galicia”.
A Volta Ciclista a Galicia 2025 reunirá a algúns dos mellores equipos e corredores do panorama estatal, converténdose de novo nun trampolín para as novas promesas do ciclismo.