A Escola Municipal de Música organiza unha semana de formación gratuíta para nenos e nenas a partir de 4 anos, cunha actuación final no espazo Cantiños da Osa o domingo 7 de setembro
Durante o curso, a cativada participará en actividades musicais variadas, nas que traballarán o ritmo, a voz e a práctica instrumental, adaptadas á súa idade. Terán a posibilidade de familiarizarse cos instrumentos de corda, vento e percusión, “convertendo cada sesión nun espazo de aprendizaxe creativo e divertido”, segundo explicou o tenente da alcaldesa de Burela, Mario Pillado.
O broche final desta edición será o domingo 7 de setembro cunha actuación do alumnado no Cantiños da Osa, dentro do Festival Osa do Mar, onde compartirán co público o aprendido ao longo da semana.
Mario Pillado, salientou que “este curso ofrece unha oportunidade única de achegarse ao mundo da música de maneira gratuíta, lúdica e participativa, e ademais permite á rapazada vivir a experiencia de subir a un escenario tan especial como o do Osa do Mar”.
As inscricións son gratuítas e poden formalizarse enviando o boletín de inscrición cuberto ao correo electrónico escolademusica@burela.org ou entregándoo na Escola de Música. Para máis información, as persoas interesadas poden chamar aos teléfonos 607 423 721 e 677 838 812.