Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela aposta pola enerxía renovable co novo sistema solar no pavillón Vista Alegre

A instalación fotovoltaica permitirá un aforro superior ao 80 % na factura eléctrica e reducirá máis de 8 toneladas de CO₂ ao ano

Burela, 18 de agosto de 2025. O Concello de Burela vén de finalizar a obra de instalación dunha planta solar fotovoltaica de autoconsumo no pavillón Vista Alegre, unha actuación financiada con fondos FEDER da Unión Europea (programa 2021-2027) e destinada a mellorar a eficiencia enerxética das instalacións municipais.

Trátase dunha instalación de 20 kW de potencia nominal, situada na cuberta do pavillón e composta por 56 paneis solares fotovoltaicos. Grazas a este proxecto, o Concello poderá cubrir practicamente a totalidade da demanda eléctrica deste espazo deportivo, acadando un aforro superior ao 80 % na factura da luz.

O investimento ascendeu a 27.050,76 euros, cunha achega do 60 % procedente dos fondos europeos FEDER, o que supón unha subvención de 16.230,46 euros.

Segundo explicou o concelleiro de obras, Ramiro Fernández, “o pavillón Vista Alegre é unha instalación moi empregada por diferentes clubs e colectivos deportivos, polo que este aforro supón unha mellora importante non só a nivel económico, senón tamén ambiental. Os cartos que conseguimos aforrar en enerxía poderemos reinvestilos en servizos e obras para a veciñanza”, asegurou o edil.

Fernández destacou ademais que esta intervención permitirá reducir unhas 8,08 toneladas de CO₂ ao ano, contribuíndo á loita contra o cambio climático.

“Temos claro que o camiño é apostar polas renovables, diminuír o consumo e impulsar proxectos que melloren a calidade de vida da cidadanía. Seguiremos traballando nesta liña para facer de Burela un concello máis sostible e eficiente”, engadiu.

Exit mobile version