Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela estrea a campaña “Sen cabichas, praias máis limpas” para protexer os seus areais

O Concello instala dispensadores de cinceiros portátiles na Marosa e no Portelo para reducir a contaminación mariña dentro do proxecto “Ondas Limpas”

Burela, 19 de agosto de 2025. As praias de Burela estrean este verán unha campaña para reducir a presenza de cabichas na area e evitar que cheguen ao mar. Baixo o lema “Sen cabichas, praias máis limpas”, o Concello puxo en marcha unha iniciativa que pretende loitar contra un dos residuos máis contaminantes dos areais.

Cada cabicha pode contaminar ata dez litros de auga mariña e tarda arredor de dez anos en degradarse, xerando danos nos fondos mariños e nas especies que os habitan. “Ademais, supoñen un problema engadido para os nosos equipos de limpeza, que deben retiralas manualmente”, explicou Carmela López, alcaldesa de Burela.

A medida máis visible da campaña é a colocación de dúas estruturas de madeira con dispensadores de cinceiros portátiles, situadas na praia da Marosa e na do Portelo.Os cinceiros teñen forma de cono con tapa, son reutilizables e poden cravarse na area.

A idea é que as persoas usuarias depositen neles as cabichas ou pequenos restos como cáscaras de pipas, para logo baleiralos na papeleira e devolvelos á estrutura, de xeito que poidan ser reutilizados noutra ocasión.

A alcaldesa sinalou que “non se trata só de manter os areais limpos, senón de protexer o noso mar. Un xesto tan sinxelo como usar un cinceiro portátil pode evitar que as cabichas acaben contaminando a auga e afectando á biodiversidade mariña”.

Esta acción forma parte do proxecto “Ondas Limpas”, financiado polo GALP A Mariña Ortegal a través do FEMPA, que busca sensibilizar á veciñanza sobre a importancia de coidar a zona costeira e fomentar hábitos responsables entre a cidadanía e as persoas visitantes.

Exit mobile version