A proposta, presentada pola concelleira de Economía, Patricia Eijo, contou con 7 votos a favor no pleno extraordinario celebrado este 21 de agosto
Segundo explicou a concelleira de Economía, Patricia Eijo, o obxectivo desta medida é financiar actuacións como “o pago de solo dotacional, a compra dunha máquina de desbroce e dun furgón grúa para obras, a reforma da rúa que enlaza as Casas Baratas coa Rúa Castelao e da Rúa Eijo Garay/Arcadio Pardiñas, a instalación dun marcador no Campo de Fútbol da Marosa ou a adquisición de novas luces para a árbore de Nadal”.
Tamén se inclúen melloras na Praza do Concello, no parque de Suafonte e no parque do Campón, a instalación de lavabos no Parque Rosalía de Castro, traballos de asfaltado, melloras nas instalacións da Marosa, o acondicionamento de despachos no Concello para Servizos Sociais, a sinalización de recursos turísticos e a habilitación dun espazo para uso recreativo en Vilar.
A concelleira destacou que, estes investimentos “fináncianse co remanente que ten o Concello” e que se trata dunha “ferramenta que nos permite reinvestir ese diñeiro en proxectos concretos que beneficien directamente á veciñanza”.