O programa desenvolveuse en catro quendas de campamentos entre o 1 de xullo e o 22 de agosto
A cativada participante gozou dun amplo abano de actividades como manualidades, xogos de auga, xogos de mesa, saídas á praia e visitas ao club de tenis, así como encontros con xogadoras e xogadores de fútbol sala.
Ademais, tamén se desenvolveron iniciativas vinculadas á Bandeira Azul, como “O baño de Mr. Cangrexo”, unha xornada na praia de O Portelo centrada na reciclaxe e a conciencia mariña, e “Quebracabezas do noso litoral”, na que descubriron a flora característica do entorno a través de xogos en equipo no Sendeiro Azul.
A concelleira de Cultura e responsable de Gaia, Lina Gómez, subliñou que “Somos Verán ofreceu á cativada un espazo de lecer seguro, educativo e enriquecedor”.
Tamén engadiu que “a alegría e o entusiasmo dos nenos e nenas foron o motor do programa durante todo o verán” e agradeceu a labor do equipo de monitorado, “que fixo posible o bo desenvolvemento das actividades”.
Lina Gómez rematou indicando que “Somos Verán é xa unha referencia consolidada de lecer educativo no verán burelés, e seguiremos traballando para reforzalo nas vindeiras edicións”.