Rapaces e rapazas de entre 9 e 17 anos formáronse en ciberseguridade e uso responsable das ferramentas dixitais durante cinco días
Durante cinco días, a mocidade participante adquiriu competencias en ciberseguridade e uso responsable das ferramentas dixitais, ao tempo que experimentou coa tecnoloxía a través de xogos, retos, dinámicas creativas e actividades adaptadas a cada idade.
A formación incluíu desde a creación de vídeos e apps ata a prevención do ciberacoso, o pensamento crítico ante as noticias falsas e o uso ético da intelixencia artificial.
O campamento enmárcase no Programa de Competencias Dixitais para a Infancia (CODI), impulsado polo Ministerio de Xuventude e Infancia e financiado pola Unión Europea a través dos fondos Next Generation EU.
A participación foi totalmente gratuíta e, ao rematar, as persoas asistentes recibiron o certificado oficial DigComp, que acredita as competencias dixitais adquiridas.
Mario Pillado, tenente da alcaldesa de Burela, destacou “a implicación e o entusiasmo dos nenos e nenas que participaron, así como a confianza das familias nesta iniciativa”. Engadiu ademais que “o Campamento Dixital é unha oportunidade única para que a nosa mocidade aprenda, se divirta e adquira habilidades esenciais para o seu futuro, sempre dun xeito seguro e responsable”.
Desde o Concello agradecen a colaboración da Fundación Cibervoluntarios e o traballo do equipo educativo. “Gustaríamos resaltar a importancia de ofrecer actividades que fomenten a educación dixital e a igualdade de oportunidades no acceso ao coñecemento”, concluíu o tenente.