Site icon Crónica3.com A Mariña

Cadernos da viaxe. “O abandono do rural é o combustíbel”. Xoán Antón Pérez Lema

A catástrofe ambiental e económica sufrida no Macizo Central e noutras bisbarras do suleste galego, coa queima de máis de 50.000 ha., ten a súa causa inmediata nunha conxuntura de moi altas temperaturas, moi baixa humidade e ventos de difícil control, circunstancias que tamén están a suceder noutros territorios do oeste da península ibérica. Mais nin o cambio climático nin a semellanza do fenómeno deste agosto galego co sufrido simultaneamente noutros territorios e, hai meses, na Grecia ou na Italia, poden xustificar os graves erros da Xunta nos eidos da extinción, da prevención e da comunicación.

As graves chatas na extinción

Neste agosto, o dispositivo da Xunta colapsou. O alcalde de Monterrei (PPdeG), declarou que ardía o concello todo e que non había “persoal para atendelos” Fontes tan diversas como axentes forestais ou oficiais da UME, recoñeceron a falla de medios, tamén denunciada polo alcalde d´A Mezquita (BNG). Por outra banda, se no outubro de 2017 os lumes colleron ao Goberno de Feijóo co dispositivo de extinción case-xa- desmontado, arestora os lumes colleron ao Goberno de Rueda aínda co dispositivo pouco preparado. Velaí as 190 vacantes nas brigadas de extinción, a falla de profesionalización de grande parte do persoal das brigadas e, en xeral, a súa precariedade laboral. O convenio da Xunta coa Unidade Militar de Emerxencias (UME) para prevención non se activou até o 15 de agosto de 2025!! Cómprelles algunha proba máis que amose a planificación deficiente da Xunta?

As peores chatas da prevención

Mais grave é a falla de prevención, porque a recorrencia e virulencia dos lumes forestais en Galicia amosan deficiencias de carácter estrutural que transcenden á xestión conxuntural. A Xunta de Galicia non conseguiu atallar os problemas de fondo que fan que o territorio galego sexa especialmente vulnerábel. A estratexia actual, centrada na resposta e en medidas puntuais, non aborda as dinámicas territoriais e forestais que actúan como os principais agravantes.

Porque, con ser moi definida na actualidade a falla de medios de extinción, moito peor aínda é o abandono estrutural que causa o avellentamento e, en último de contas, o despoboamento do medio rural, como teñen denunciado tanto o Sindicato Labrego Galego e o colectivo de enxeñeiros forestais de Galicia como, nestes días, alcaldes e alcaldesas dos concellos atinxidos canda veciñanza e gandeiros. O abandono do rural e a inacción son as causas fundamentais da gravidade dos incendios. Neste senso, a acumulación de biomasa forestal ven xerada polo despoboamento humano e pola perda de gando extensivo, que actuaba como unha barreira natural para a propagación do lume Nos últimos 30 anos, a cabana gandeira ovina caeu case un 40 %, mentres que a de cabras minguou dun 30 %. Este declive da gandaría extensiva e máis a desaparición de arredor do 60 % das granxas en 20 anos, transformou a paisaxe galega. Unha paisaxe que antes que combinaba parcelas agrícolas e forestais, creando devasas naturais, converteuse nunha continuidade forestal uniforme, moito menos defendíbel fronte ao lume. A acumulación de combustíbel, que antes era xestionada de forma natural a través das actividades do sector primario, converteuse nunha ameaza que os medios de extinción non poden conter cando as condicións climáticas son adversas.

Por outra banda, o modelo de xestión forestal é insostíbel dende os anos 50 do século pasado. Primeiro coa repoboación de pinos polo chamado Patrimonio Forestal do Estado e despois polo ICONA, que reforestaron grande cantidade de terras agrarias. condenando á veciñanza á emigración. e xerando a primeira vaga de desertización do rural galego. Despois, dende fins dos 60 e primeiros dos 70, a aposta suicida polo eucalipto, unha especie pirófita que xa ocupa o 28 % do monte galego, foi impulsada por políticas que favorecen un modelo extractivista, orientado primeiro ao servizo de ENCE Pontevedra e ENCE Navia e que agora unha minoría tenta que forneza os obxectivos desa barbaridade do proxecto Gama de Altri-Greenalia. Ao tempo, semella que a implantación de grandes parques eólicos non confronta con esta desertización do rural galego.

Sen poboación no rural, sen terreos agrarios que fagan de devasa, sen gandaría extensiva, o monocultivo do eucalipto aviva á acción do lume. As características do eucalipto ( o seu rápido crecemento, a grande cantidade de auga que consome, e o alto contido de aceites volátiles nas súas follas) fan que a súa presenza intensifique a virulencia e a velocidade de propagación dos lumes.

Cómpre salientar que entre 2009 e 2022 (miren vostedes, xusto todo o tempo no que gobernou Feijoo a Xunta) o orzamento galego para prevención reduciuse nun 5 %, mentres que o de extinción incrementou nun 89 %. Esta prioridade financeira é contraria ás recomendacións de expertos europeos que indican que a prevención é moito máis rendible: custa aproximadamente 3.000 € por hectárea, mentres que a extinción pode alcanzar os 19.000 € por hectárea.

Un gasto insuficiente en prevención significa menos rozas, menos xestión da biomasa e menos recursos para abordar as causas estruturais. O resultado é un ciclo vicioso de incendios máis grandes e máis custosos de apagar. A falta de investimento estrutural para xestionar o territorio fomenta o abandono rural e a acumulación de combustible, o que á súa vez fai que os lumes sexan máis graves e a súa extinción máis cara.

O bloqueo informativo da Xunta

A Xunta é, tamén, recorrente na súa falla de transparencia financeira e informativa. Malia os seus portais de orzamentos públicos, non se atopa unha contabilidade polo miúdo do gasto da Xunta entre prevención e extinción. A Xunta tamén evitou aclarar o custo das intervencións da UME , contribuíndo á opacidade. Esta falla de transparencia financeira non só é un problema de rendición de contas, senón que tamén se converteu nunha estratexia política. Ao non publicar dados ao detalle, a Xunta impide que a oposición e as persoas expertas poidan fiscalizar o gasto, o que translada a desputa a un xogo de culpas, mesmo co goberno central. A ausencia dunha comisión de investigación parlamentaria sobre os lumes nos últimos anos, malia a súa gravidade, suxire unha falla de vontade política para unha análise obxectiva e imparcial deste gravísimo problema.

Os fallos da Xunta non se limitan a cuestións puntuais, senón que constitúen unha rede de problemas que inclúe a falla de visión estratéxica a longo prazo, a opacidade na xestión de recursos e a incapacidade para abordar as causas estruturais do problema.

Sen unha remuda radical na política de xestión do territorio, o medio rural galego seguirá a ser un territorio de sacrificio na agarda da seguinte vaga de lumes.

A ARRINCADEIRA. Mentres Feijoo rescataba do seu armario os “castellanos” e o pantalón chinés de 2006 e o ministro Puente respostaba o tan hispánico “y tu más”, Antón Losada denunciaba nas RR.SS a ausencia do presidente Rueda in office até o luns, 12-A. No intermezzo a asisada influencer galega, Olivia H, denunciaba aqueladamente a falla de sentido común dos políticos diante desta gravísima crise.

Porén, semella que o BNG actuou dun outro xeito, reclamando, a medio da súa líder Ana Pontón, da alcaldesa compostelá Goretti Sanmartín e da deputada ourensá Noa Bergantiños i)potentes axudas ás persoas e empresas prexudicadas, ii) priorizarmos no inmediato a extinción dos lumes e iii) analizarmos despois o gravísimo problema das responsabilidades na falla de prevención.

Exit mobile version