Site icon Crónica3.com A Mariña

Cariño inaugura a XLVII edición da súa Mostra de Teatro con dous espectáculos gratuítos ao aire libre

A alcaldesa, Ana María López, indicou que “a Mostra de Teatro é moito máis ca un evento cultural, é parte da nosa identidade e da nosa tradición, algo que debemos coidar”

O Concello de Cariño inaugurou este domingo, 3 de agosto, a XLVII edición da Mostra de Teatro Galego, que converterá ao municipio do Ortegal na capital autonómica do teatro ata o próximo sábado, 9 de agosto.

A xornada comezou ás 13:00 horas na Praza da Pulida, onde se levou a cabo a representación da obra ‘Moby Dick’, un espectáculo gratuíto da Compañía Pedras de Cartón co que puideron gozar todos os asistentes. A peza, baseada na famosa historia de Melville, contou con varias marionetas e monicreques que fixeron as delicias da cativada.

Logo da representación, os protagonistas da obra fixeron un percorrido polas rúas de Cariño entregando trípticos e tarxetas coa programación completa da Mostra aos veciños e visitantes.

A alcaldesa de Cariño, Ana María López, indicou que “a Mostra de Teatro é moito máis ca un evento cultural, xa que é parte da nosa identidade e da nosa tradición. É algo que debemos coidar porque representa un espazo moi importante para todos os cariñeses e cariñesas”.

López tamén quixo destacar “o compromiso do Concello por manter vivo un evento que leva case medio século enchendo as rúas e os escenarios de Cariño de historias, emocións e arte, converténdose desde fai anos nun evento imprescindible no calendario cultural de Galicia”.

Pola súa parte, a concelleira de Cultura, Laura García, salientou que “esta XLVII edición da Mostra aposta por espectáculos para todos os públicos, coa intención de achegar o teatro á veciñanza e aos visitantes dende as primeiras idades e fomentar unha participación activa da comunidade. Queremos que cada recuncho de Cariño respire cultura e que a Mostra siga sendo un referente dentro e fóra de Galicia”.

O luns, 4 de xullo, darán comezo as obras de teatro no Auditorio Municipal, coas pezas ‘A nena e o grilo camiño das cores’, de Teatro dos Ghazafelhos & Magín Blanco ás 12:00 horas, e ‘Testosterona’, de Malasombra Producións ás 22:00 horas. As entradas estarán á venda media hora antes de cada función.

A programación completa está dispoñible para a súa consulta na páxina web da Mostra (www.mostrateatrocarino.gal) e nas redes sociais oficiais.

Exit mobile version