Dada a escaseza de aloxamento en Ribadeo, ocórreseme, por que non facer apartamentos na Casa da ría en Santa Cruz?
Que os apartamentos poidan ser para vivir na veciñanza de Ribadeo ou apartamentos turísticos… o fin, non e semellante? Se se alugan como vivendas de uso turístico ou algo parello, axudarán a descomprimir o mercado de apartemos para vivir, non? Iso é algo como o que se soe dicir para xustificar que hai que construír máis (apartamentos, aínda que rematen co apelido ‘turísticos’) e non regular ou limitar prezos, que desincentivarían a construción e o movemento de cartos (de algúns).
15 de agosto. Subo a Santa Cruz e síntome en Ribadeo. Entendámonos: Santa Cruz pertence á parroquia de Ove. Logo, legalmente, é Ribadeo. Mais como sentimento, destaco que hai visible abonda máis xente de Ribadeo que visitantes, algo do que no propio pobo ó longo do verán e cada vez máis noutros momentos, non hai moitos exemplos, a non ser nalgunha rúa afastada do centro e baleira. Pero Santa Cruz non está baleira. Hoxe bule tranquila, mesmo con música nalgunha mesa das ocupadas, sen o marmurio vocingleiro dos visitantes facéndose escoitar por riba dos máis.
A imaxe anterior non estaría completa sen incorporar a Casa da ría, en ruínas, de novo coa porta aberta como invitando á xente a subir e admirar o medre das árbores sobre as baldosas despois da xira. Árbores esas que parecen exentas de corte ou arranque a diferenza do que lles ocorre a outras conxéneres súas no pobo.
Pero sigamos. Xa que durante anos, despois de ser construída veu deixándose da man de deus; xa que non é usada como ben público, senón abandonada polas institucións públicas, por que non privatizalo, ou privatizar o seu uso? Que alguén lle saque partido, xa que o concello non llo saca!. Que importa que pasen a facerlle render cartos mans privadas? Mellor que deixalo a monte, sen mesmo que (en teoría non) se poda entrar nela? Si, podería usarse para moitas cousas (entre elas, para o que foi concibida), pero como non se usa, e non se molestan as institucións en usar un ben público, pois mellor que o aproveite alguén, e mesmo o pode conservar mellor… Non importa que despois, para usar un ben público haxa que pagar, que non se pode esperar que o coidado saia gratis! Ou que de xeito fáctico se varíe a propiedade, construída con cartos de todos, ou o entorno arredor (porque claro, para aproveitar a casa da ría habería que dotala dun pequeno terreo arredor como xardín, terraza ou chiringuito). Total, a quen molesta? Ós turistas seguro que non, e á xente do pobo, se xa está estragada, será que non lle interesa moito…
E claro, para promoción, mellor un lema. Tratándose dunha situación no monte de Santa Cruz, a un paso do miradoiro, que tal ‘Casa da ría: todo Ribadeo ós teus pés’? Soa a real ó tempo que pode ser unha metáfora…