Site icon Crónica3.com A Mariña

Completada a segunda fase de renovación do alumeado na Praza da Constitución de Vilalba

Instaláronse 22 novas columnas de iluminación e 17 farois de parede con tecnoloxía LED, o que supón un aforro enerxético estimado do 40%

Vilalba, 14 de agosto de 2025. A Concellería de Infraestruturas Urbanas de Vilalba completou a segunda fase da renovación integral do alumeado público na Praza da Constitución, unha actuación que supuxo a instalación de 22 novas columnas de iluminación e 17 farois de parede, todos eles con tecnoloxía LED de última xeración.

Esta mellora enmárcase no proceso que o goberno local está a desenvolver para modernizar a iluminación das infraestruturas públicas, mellorando a eficiencia enerxética e adaptando a estética á contorna.

O cambio vén motivado polo deterioro das luminarias existentes e pola inexistencia de recambios no mercado para o seu mantemento, ao que se suma a vontade de ofrecer unha imaxe renovada, máis moderna e harmonizada co espazo.

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, subliñou que “este proxecto é un exemplo de como podemos combinar melloras estéticas e funcionais cun compromiso real coa eficiencia enerxética e a sustentabilidade”.

Rouco destacou tamén que “o aforro estimado do 40% no consumo eléctrico supón facer un uso máis responsable dos recursos municipais, optimizando custos e garantindo que cada investimento reverta directamente no benestar da veciñanza”.

A actuación agora completada dá continuidade á intervención realizada a comezos de ano, cando se substituíron 12 farois tamén na Praza da Constitución, o que supón un salto cualitativo tanto no nivel de iluminación como na eficiencia do consumo eléctrico.

Desde a Concellería de Infraestruturas Urbanas destacan que esta intervención, ademais de mellorar a seguridade e a visibilidade na zona, consolida a aposta do goberno local por un modelo de xestión máis sostible e moderno.

Exit mobile version