O concelleiro de Cultura, Manuel Arango, explica que “os grupos interesados en participar deberán inscribirse nas oficinas municipais do Concello de Lourenzá ou por correo, enviando a seguinte documentación: ficha de inscrición, que aparece na páxina web do Concello, fotocopia do CIF da compañía ou grupo, ficha artística e técnica e DVD, pendrive ou tarxeta coa gravación dunha representación da obra presentada a concurso. O prazo de presentación das solicitudes comezará ao día seguinte da publicación destas bases na web do Concello e rematará o 30 de setembro de 2025”.
As representacións terán lugar no edificio multiusos Ponte de Cuñas os sábados e domingos do mes de novembro, establecéndose un máximo de oito. En decembro terá lugar a entrega de premios nunha gala na que haberá unha representación teatral ou musical profesional.
Como novidade, este ano o escenario dispón dunha pantalla de fondo na que as compañías, que así o desexen, poderán empregar para proxectar decorados para a súa representación.
Cada grupo ou compañía de teatro seleccionada percibirá a cantidade de 350 euros en concepto de gastos de participación, desprazamentos, montaxe, etcétera. Ademais establécese un premio de 750 euros e trofeo para a mellor representación. Recibirán tamén premio (trofeo) o/a mellor actor e actriz, a mellor posta en escena, o/a mellor actor e actriz de reparto e un premio especial do público.