O novo servizo está situado na Avenida da Mariña e contará cun total de 35 prazas de estacionamento gratuítas
Días atrás, a alcaldesa, Dolores García Caramés, e o edil Alfredo Fernández achegáronse ata a zona para supervisar os traballos, que se executaron nunha parcela de 1.062 metros cadrados, nunha localización estratéxica moi próxima ao centro urbano.
O espazo foi acondicionado con zahorra compactada para garantir a funcionalidade e comodidade dos usuarios.
O obxectivo principal desta actuación, tal e como apuntou a rexedora, é mellorar a mobilidade e facilitar o estacionamento, especialmente durante a tempada alta, desconxestionando o centro da vila e reforzando así os servizos dispoñibles para veciños e visitantes.
Ademais –precisou– trátase dunha acción sustentable, ao aproveitar terreos xa dispoñibles e evitando intervencións máis agresivas.