Puxo en valor as actividades e obradoiros para as persoas de máis idade que se desenvolven ao longo de todo o ano no rural co apoio da Xunta
Fabiola García puxo en valor as actividades dirixidas ás persoas maiores deste concello que se desenvolven ao longo de todo o ano no marco dun convenio de colaboración entre as administracións autonómica e local. Esta programación ten como finalidade mellorar a calidade de vida dos participantes con obradoiros centrados nas áreas cognitiva, funcional, física, social e emocional. Así, a través de diferentes obradoiros, os maiores traballan a memoria, aprenden o manexo de novas tecnoloxías, fan cestería, adornos florais e cociñan, practican ximnasia e actividades artísticas ou realizan excursións e visitas culturais.
A Xunta destina 60.000 euros a financiar este programa de envellecemento activo no rural, que se enmarca noutras iniciativas que o Executivo autonómico ten en marcha neste ámbito, tales como Benestar en Balnearios, as Universidades e as Aulas Sénior ou o Carné +65.
A conselleira sinalou que o obxectivo é dar as máximas oportunidades aos maiores para que vivan esta etapa das súas vidas en plenitude e que o envellecemento sexa en Galicia sinónimo de calidade de vida.