Site icon Crónica3.com A Mariña

Finalizadas as xornadas de drons e realidade virtual para a rapazada de APNED en Barreiros

Barreiros, 28 de agosto de 2025. O Concello de Barreiros, a través da súa aula CeMIT, organizou durante as últimas semanas unhas xornadas tecnolóxicas para as rapazas e rapaces da Asociación de Pais e Nais de Nen@s con Discapacidade da Mariña de Lugo (APNED).

A rapazada asistiu a un taller de pilotaxe de drons onde tivo a oportunidade de coñecer as partes fundamentais destas aeronaves non tripuladas, a normativa pola que se rexen as zonas de voo e, por suposto, experimentar a emoción de manexalos nun circuíto deseñado especialmente para a ocasión.

Por outra banda, tamén asistiron a varias sesións con lentes de realidade virtual en 3D, nas que a rapazada puido mergullarse en novos mundos, explorar contornas dixitais e gozar de experiencias totalmente inmersivas grazas ao equipamento da aula CeMIT.

A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, e o concelleiro de dinamización, Dani García, achegáronse ás xornadas para velas de primeira man e compartir a experiencia co alumnado.
Ermida destacou a importancia desta colaboración: “para nós é un orgullo poder colaborar con APNED, unha asociación que realiza un labor absolutamente fundamental na nosa comarca, ofrecendo un apoio crucial á cativada e ás súas familias. O seu traballo é encomiable e desde o Concello queremos seguir fortalecendo esta liña de cooperación”.

Pola súa banda, o concelleiro de dinamización sinalou que “estas actividades permiten achegarlles a tecnoloxía dunha forma lúdica e accesible. Polo que, tanto a realidade virtual coma o manexo de drons, ábrenlles novas fiestras a posibles vocacións de cara a formarse e traballar con ferramentas innovadoras”.

As actividades foron organizadas desde a aula CeMIT do Concello de Barreiros que, grazas ao equipamento tecnolóxico co que conta, trata de aumentar o interese da rapazada polas profesións tecnolóxicas do futuro.

Exit mobile version