Site icon Crónica3.com A Mariña

João Silva reforzará a portería do Burela FS

O portugués procedente do SK Interobal Plzen chegará durante a tarde de mañá a Burela para incorporarse aos adestramentos do equipo

Burela, 12 de agosto, 2025. João Miguel Santos Rodrigues da Silva (Santarém, 19-06-1992), coñecido como João Silva, é a nova incorporación para reforzar a defensa burelense. O gardameta portugués procedente de o SK Interobal Plzen xogou case toda a súa vida na liga portuguesa, a gran maior parte do tempo en Primeira División.

Fórmase no CAS Vicentense e en categoría xuvenil ficha polo Achete durante dúas tempadas, ingresando posteriormente no Portela durante outras dúas. Na 14/15 xoga no Quinta dos Lombos rematando o seu paso pola segunda división e pasando a disputar en primeira co club lisboeta, o Belenenses, onde xogará durante unha tempada e media, pasando na 16/17 polo Marítimo e rematando na liga Armenia co Leo Futsal Club. Volve á casa ingresando no Ferreira do Zêzere por unha tempada e pasando ao Portimonense onde xogará durante dúas, contribuíndo a conseguir o ascenso do equipo a primeira na 18/19. Continúa en Primeira División ata o día de hoxe, durante a 20/21 fichando por o Viseu 2001/Palácio do Gelo, e na 21/22 proba no Torreense durante uns meses, volvendo ao Portimonense a media tempada. Na 22/23 ficha polo Eléctrico FC e na 23/24 decide experimentar de novo lonxe de casa desprazándose á liga maltesa, co Luxor St. Andrews e xogando media tempada no Ribera Navarra no noso país. Durante a pasada campaña comeza no Sport Club Lusitânia dos Azores e remata o curso na República Checa co SK Interobal Plzen.

O experimentado porteiro defínese como “rápido e seguro baixo paus, con boa lectura de xogo e traballador”, móstrase motivado para afrontar esta tempada, ⁠”espero achegar co meu xogo e experiencia, dentro e fóra da pista, pero tamén creo que teño moito que aprender neste equipo, que conta con moita xente nova pero con moita calidade e experiencia no fútbol sala español”.

Coñecedor do noso club, “Creo que o Burela FS é un club moi familiar, que vive e respira fútbol sala, moi profesional e con moitas ganas de facer as cousas ben. Teño moitas ganas de coñecer o proxecto e de tentar axudar a conseguir os seus obxectivos”, e da nosa afección, ⁠”O que sei da afección é que é diferenciadora e un +1 para o club, espero que nos sigan como sempre fan todos os anos. Pola miña banda van ter moito compromiso e traballo.”

João chegará a Burela mañá pola tarde e incorporarase á dinámica do equipo, que xa comezou a adestrar esta semana, na mañá do xoves.

Exit mobile version