Lugo suma máis de 5.500 afiliados desde a entrada en vigor da reforma laboral, cunha mellora sostida do emprego autónomo e feminino
Desde a entrada en vigor da reforma laboral a finais de 2021, Lugo gañou máis de 5.500 afiliados, consolidando un mercado laboral máis robusto, con máis emprego xuvenil, máis afiliación feminina e unha tendencia á estabilidade contractual. A subdelegada puxo en valor que “os datos de Lugo confirman que as políticas activas de emprego e a nova lexislación laboral están a ter un impacto positivo tamén na provincia, favorecendo especialmente ás persoas mozas e ás mulleres”.
Do total de afiliados, 97.274 pertencen ao Réxime Xeral, mentres que os traballadores autónomos superan os 30.700. A evolución interanual tamén é positiva: Lugo conta con 1.451 afiliados máis que hai un ano, o que supón un incremento do 1,13 %, mantendo un ritmo de crecemento sólido nun contexto de recuperación e modernización do mercado laboral.
A subdelegada subliñou, ademais, que “a estabilidade e a calidade do emprego son claves para fixar poboación no territorio, e os datos amosan que Lugo avanza nesa dirección”. A nivel galego, a comunidade supera o 1.113.000 afiliados, cun incremento de 20.112 persoas no último ano.