O Diario Oficial de Galicia publica hoxe esta nova convocatoria, cunha dotación inicial de 400.000 euros e a posibilidade de incrementarse ata os 3,2 millóns
A conselleira fixo esta valoración na súa visita ás instalacións da cooperativa Irmandiños (que forma parte de CLUN) na localidade lucense de Ribadeo, na que estivo acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e polo alcalde da localidade lucense, Daniel Vega.
Nesta liña, Gómez sinalou que estas achegas, que van destinadas a cooperativas agrarias e sociedades agrarias de transformación (SAT) procedentes de fusión, supoñen para estas entidades unha importante redución dos seus custos de produción, ao tempo que se incrementa a seguridade e se fomenta o aforro enerxético. Neste caso, o importe de axuda que pode recibir cada beneficiario será do 35 % dos custos da maquinaria, con posibilidade de incrementalos ata un máximo do 50 %.
No mesmo sentido, cómpre destacar que a Consellería do Medio Rural leva promovendo estas axudas dende 2015 e convocáronse anualmente dende entón, o que supuxo unha achega total de máis de 41 millóns de euros. Todo isto dá idea -subliñou Gómez- da importancia que a Xunta concede a estas subvencións e, en xeral, ao fomento do cooperativismo e á modernización do sector primario galego.
Importancia da Cooperativa Clun
A conselleira salientou tamén o relevante labor que desempeñan entidades coma Os Irmandiños, cooperativa integrada dentro de CLUN, no eido asociativo agrario. Cómpre lembrar, neste senso, que CLUN -composta ademais por Feiraco e Melisanto- é a primeira cooperativa agrogandeira galega de importantes dimensións e que nela aglutínanse 3.870 gandeiros que producen 300 millóns de litros de leite ao ano e tamén compran a outros produtores da nosa comunidade.
Ligazón á convocatoria das axudas no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250805/AnuncioG0426-240725-0003_gl.html