A conselleira do Medio Rural visitou hoxe en Lourenzá Fabas Alma do Val, produtora e comercializadora do feixón amparado por esta Indicación Xeográfica Protexida (IXP)
Nesta liña, Gómez, que estivo acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, puxo en valor as achegas aos produtores da IXP, que se convocaron este ano por primeira vez e que veñen de percibir un total de 18 fabeiros, todos os inscritos no Consello Regulador que cumprían os requisitos da convocatoria. En conxunto, percibiron 68.000 euros e a resolución publicarase no DOG este mesmo mércores.
A conselleira explicou que estas axudas enmárcanse nun contexto complexo para o sector, marcado polas malas colleitas dos anos 2023 e 2024, que obrigaron a desbotar unha parte importante da produción a causa das condicións climáticas adversas. Así, lembrou, as choivas intensas da primavera de 2024 provocaron graves ataques fúnxicos que afectaron severamente á colleita, cunha porcentaxe de produto apto para a IXP moito menor que en anos anteriores.
Actuacións complementarias
Por estes motivos, o Goberno galego está impulsando diferentes actuacións que complementan as devanditas axudas. Entre elas, cómpre salientar as liñas de traballo no terreo da investigación, a través do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM). Estes labores céntranse en analizar a eficacia dos actuais tratamentos fitosanitarios á procura de novas opcións para abordar a incidencia dos fungos ante o cambio climático. Trátase de promover a incorporación de prácticas agronómicas na produción de faba, tales como a rotación de cultivos, os marcos de plantación ou a eliminación da virose na semente.
Tamén se está actuando para fomentar a transformación e comercialización da Faba de Lourenzá e para impulsar a incorporación de produtores á IXP. Ademais, hai que lembrar a posta en marcha da rede de espazos de especialización e innovación agraria nos diferentes centros de formación dependentes da Consellería, cun especial papel protagonista para o Pedro Murias de Ribadeo. Así, este centro será pioneiro nesta iniciativa cun curso específico que se impartirá no vindeiro mes de setembro, precisamente sobre a elaboración de hummus con Faba de Lourenzá.