Site icon Crónica3.com A Mariña

Mariña Patrimonio e o Concello de Cervo colaboran no mantemento do Castro de Rueta

Cervo, 13 de agosto, 2025. Hai dous anos, Mariña Patrimonio promoveu unha intervención arqueolóxica non invasiva no Castro de Rueta, en Cervo, que incluíu a roza da cuberta vexetal que impedía ver o xacemento. O ano pasado, o Concello de Cervo e os propietarios dos terreos chegaron a un acordo para manter o castro libre de maleza, e o Concello procedeu a realizar a súa roza.

En xuño deste ano, o Concello e Mariña Patrimonio asinaron un convenio polo que a asociación se encarga da xestión da roza do xacemento, contando cunha subvención nominativa municipal. O corte da maleza realizouse con maquinaria lixeira portátil entre mediados de xullo e comezos de agosto. A intención de Mariña Patrimonio e do Concello de Cervo é continuar realizando estas rozas de forma periódica, co fin de conservar o xacemento cunha capa de vexetación controlada que permita a súa visita, especialmente na primavera e no verán, cando este impresionante xacemento arqueolóxico pode recibir máis visitas.

O resultado destes traballos de desbroce volve ser espectacular, amosando novamente un xacemento arqueolóxico impresionante e enigmático, sen dúbida un dos castros costeiros máis destacados non só da Mariña, senón de toda Galicia. Merece a pena facerlle unha visita, e animamos á xente a que se achegue para coñecer e gozar deste importante ben patrimonial.

Exit mobile version