O rexedor lembra que Trabada conta cunha poboación de arredor de 1.100 habitantes, cun alto índice de persoas maiores de 65 anos, así como cun centro de maiores no que 39 usuarios precisan asistencia médica habitual. “Estamos a falar dunha veciñanza que require unha atención constante e que non pode quedar desprotexida”, sinala García.
Na carta, o alcalde denuncia que, tras a xubilación a finais de 2023 de dous médicos de familia, o servizo de atención primaria recaeu nun só profesional, sen que a Xunta cubrise esa praza. Esta situación, segundo explica, “xa se converteu en algo habitual: cada vez que falta o médico titular, ben por vacacións ou outras razóns, Trabada queda sen atención sanitaria axeitada”.
Durante as últimas semanas, a ausencia do facultativo titular deixou o centro sen médico en horario de mañá, con só catro horas de servizo nalgunhas tardes. “Non se atenden urxencias, non se fan consultas a domicilio e veciños e veciñas quedan desamparados cando máis o necesitan”, subliña o alcalde, quen engade que esta situación tamén provoca “un derroche económico, ao contratar persoal de enfermería para cubrir turnos incompletos e improvisados”.
O rexedor cualifica a situación de “vergonzosa e incomprensible” e reclama á Consellería de Sanidade que se cubran de inmediato a praza a xornada completa do médico de familia de atención primaria xubilado, garantindo a presenza de dous profesionais en Trabada, e que se asegure a cobertura en períodos vacacionais.
Rubén García incide en que o Concello está disposto a colaborar en todo canto sexa necesario, pero recalca que “non imos calar ante unha situación que pon en risco a saúde da nosa veciñanza. No rural tamén temos dereito a uns servizos sanitarios dignos e de calidade”.