“Hoxe desexamos recordar e destacar a importancia deste dramaturgo, director de escena e actor que sempre tivo presente a súa orixe valadouresa, e que ata o último momento mantivo firma a súa querenza e compromiso coa súa terra natal. Queda con nós o seu exemplo, a súa coherencia, e numerosas obras a través das cales defendeu os principios e valores dos que fixo gala durante toda a súa existencia. Que a terra lle sexa leve ao inesquecíbel Manuel Lourenzo, home de afectos profundos, valeco de alma e corazón” Son estas as verbas que Beatriz Álvarz Sixto, responsable local do BNG Alfoz-Valadouro verqueu na nota de pesar emitida hoxe en nome do BNG do Val.
En termos semellantes pronunciouse tamén o responsable comarcal do BNG A Mariña, Antonio Veiga Outeiro, que considera unha gran perda para o país o pasamento de Manuel, figura central do teatro e o audiovisual galegos e persoa comprometida coa nosa lingua e a nosa cultura, e con todas as causas xustas, tendo participado en moitas delas. Veiga traslada en nome do BNG máis sentido pesar á familia e amigos e especialmente a todas as persoas e colectivos, nomeadamente os do val que traballaron con el na recuperación da historia e da cultura propia do val e do país.
Que a terra lle sexa leve¡¡