Unha xestión ficticia da cobertura dos centros de saúde
“Hai xusto un mes o alcalde de Xove reuníase xunto con outros rexedores do Partido Popular da comarca, co xerente da área sanitaria de Lugo, quen prometía ante estes que priorizarían a cobertura nos centros de saúde da Mariña durante o verán. Máis alá de que de nada serviu, aquí estamos, sen cubrir prazas e sen cubrir debidamente as vacacións da única doutora con praza a día de hoxe no noso centro” afirma a voceira nacionalista Pilar Vázquez.
Un perigo para a saúde das veciñas e veciños
“Non é só que quen o precise non teña outra opción que acudir ao PAC a Burela, se non que tamén aquelas veciñas que se atopen en situación de baixa laboral non podan ter un seguimento da súa situación ou mesmo veciños con circunstancias sanitarias complexas que van ver como cada semana serán atendidos por un doutor diferente. Non é xusto nin para o paciente nin para o profesional que tampouco poderá traballar nas condicións óptimas” insiste Vázquez. “As veciñas de Xove terán que elixir que días poñerse enfermas no mes de agosto se non queren saturar o PAC de Burela. O Partido Popular ten toda a responsabilidade sobre esta situación e xa non serve de nada poñerse de perfil ante o problema, todos e todas necesitamos que o sistema sanitario público funciones pois máis cedo que tarde, precisaremos da sanidade pública” conclúe Vázquez que ademais anima á veciñanza a poñer reclamacións no centro de saúde.