Iria Carreira refírese á saturación de Urxencias do Hospital Clínico como exemplo da política de deterioro da sanidade pública do Goberno de Rueda
Tal e como anticipou o BNG ante a falta dun plan serio para garantir o bo funcionamento da rede sanitaria durante os meses de verán, o peche de camas e un cadro de persoal baixo mínimos está tensionando o funcionamento do sistema ao longo e ancho de todo o País, tanto na Atención Primaria como na hospitalaria.
Como exemplo do colapso no Sergas, Carreira refírese á situación que vén de denunciar a Asociación de Pacientes e Usuarios do Hospital Clínico de Santiago, onde se viviron días complicados pola saturación de Urxencias, con até 13 pacientes graves situados nos corredores. “Como non hai capacidade para ingresar en planta, satúranse as Urxencias que, ao mesmo tempo, sofren a falta de capacidade que teñen os centros de saúde para atender aos docentes”, explica a deputada, que lembra que, tamén no Clínico, houbo pacientes que tiveron que agardar ata 16 horas para poder ser trasladados en ambulancia ao seu domicilio cando xa tiñan a alta.
“O Sergas decide manter inoperativas preto de 800 camas, 111 delas na área sanitaria de Compostela, mentres temos unhas listas de espera totais absolutamente desbordadas e cunha atención primaria que está funcionando en base ao sobreesforzo e a voluntariedade das profesionais”, advirte Iria Carreira, que subliña os problemas pola falta de persoal que se están vivindo en centros de todo o País, que non poden prestar a asistencia sanitaria que a poboación require.
Carreira denuncia que “a política sanitaria do Partido Popular dinamita a nosa sanidade pública e pon a saúde da poboación en risco constante”, polo que empraza o Goberno de Rueda a tomar “medidas urxentes” para garantir unha asistencia sanitaria de calidade para todas as persoas na sanidade pública.