O xerente do Consorcio Galego de Benestar visitará este xoves as obras de renovación da fachada, enmarcadas na colaboración institucional entre ambas entidades
Segundo explicou o concelleiro de Obras, Ramiro Fernández Rey, “as obras eran moi necesarias, xa que o edificio tiña deficiencias na envolvente exterior que provocaban unha perda importante de enerxía e incomodidades para os nenos e nenas matriculados, atendendo tamén ás demandas formuladas pola dirección do centro nos Consellos Escolares”.
O representante municipal lembrou que no ano 2024 xa se levaron a cabo diferentes actuacións nas dúas escolas infantís do municipio cun investimento total de 67.000 euros, dentro do réxime de cofinanciamento que mantén o Concello de Burela co Consorcio.
O Concello achega ao Consorcio cada ano 900 euros por praza ocupada, o que no curso pasado supuxo máis de 120.000 euros destinados a garantir o funcionamento das escolas. Desa contía, 43.500 euros reinvestíronse en melloras de illamento térmico na Escola Infantil Vista Alegre e outros 23.000 euros na Escola Infantil dos Castros, con actuacións como a instalación dunha bomba de calor e a mellora do peche perimetral.
Ademais disto, o Concello faise cargo de gastos correntes e de mantemento que rondan os 20.000€ anuais.
A alcaldesa de Burela, Carmela López, subliñou que “a colaboración entre administracións permite realizar cada ano investimentos de mellora nas escolas infantís, ofrecendo mellores instalacións e servizos ás familias”.
Fernández Rey rematou sinalando que o Concello seguirá apostando por estas actuacións e por manter “esta dinámica de colaboración para que as familias poidan contar cunhas instalacións seguras, modernas e eficientes”.