Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Viveiro lembra as normas de seguridade e convivencia para a Romaría do Naseiro

Haberá servizo especial de autobuses entre Viveiro e O Naseiro

Viveiro, 22 de agosto de 2025. O Concello de Viveiro informa á veciñanza e ás persoas asistentes da necesidade de cumprir coas normas establecidas para garantir a seguridade, o respecto ao medio ambiente e a boa convivencia durante a tradicional Romería do Naseiro, que se celebrará entre os días 22 e 27 de agosto.
A alcaldesa, Mariña Gueimunde, subliñou que “o obxectivo é que toda a cidadanía poida gozar desta festa tan querida, preservando ao mesmo tempo a seguridade das persoas, o entorno natural e a convivencia entre romeiros”.

Segundo recolle o bando municipal, lembra á veciñanza o seguinte:

.Está prohibido pechar as parcelas con plásticos negros ou materiais que non se integren no entorno.

.Debido á situación de alerta por incendios, non se permite a venda nin o uso de petardos, fogos artificiais ou material pirotécnico, así como tampouco facer barbacoas ou calquera tipo de lume.

.Habilitaranse sanitarios nas inmediacións, pregándose o seu adecuado uso.

.Os residuos deberán depositarse nos colectores instalados, respectando a recollida selectiva.

.Todos os obxectos e materiais empregados deberán retirarse ao rematar a romaría, habilitándose puntos específicos de recollida.

.A romaría celébrase nun espazo natural protexido da Rede Natura 2000, polo que é imprescindible respectar o entorno e as normas de protección vixentes.

O Concello solicita a colaboración de todas as persoas asistentes para o bo desenvolvemento da festa e deséxalles que gocen dun feliz Naseiro 2025.

Horarios de autobuses

Para facilitar os desprazamentos, o Concello de Viveiro tamén informa dos seguintes servizos especiais:

Saída: Praza de Lugo. Destino: Naseiro.

Horario: Desde o venres 22 de agosto ás 18:00 horas ata o mércores 27 de agosto ás 11:00 horas.

Haberá saídas cun intervalo non superior a unha hora entre cada servizo.

Prezo: 1,50 € por viaxe.

Bonificacións: Tarxeta xente xove, persoas maiores de 65 anos e tarxeta metropolitana.

Exit mobile version