Site icon Crónica3.com A Mariña

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico concede 9,5M€ a seis concellos galegos, entre eles Barreiros, para mellorar a eficiencia da iluminación pública e reducir o seu custo

Nos últimos dous anos, o Goberno facilitou a mellora deste equipamento público esencial en 15 concellos galegos con 18 millóns de euros

A Coruña, 27 de agosto de 2025. O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, avanzou hoxe a concesión de 9,5 millóns de euros a seis concellos galegos para financiar proxectos de renovación integral dos sistemas e equipos de iluminación pública municipal. Estas axudas veñen de ser adxudicadas polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través do Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDAE).

Pedro Blanco detallou que esta convocatoria beneficia aos concellos de San Sadurniño, Arteixo, Rianxo, Noia, Barreiros e Tui, con importes que oscilan entre os 400 mil euros que acada San Sadurniño e os 3,17 millóns de euros, que corresponden a Tui. Séguenlle en orde o Concello de Barreiros, con 2 millóns de euros; Noia, con 1,8 millóns de euros; Arteixo, con 1,56 millóns de euros, e Rianxo, con 547 mil euros.

O delegado enmarcou esta liña de axudas na aposta do Goberno de Pedro Sánchez por impulsar a transición enerxética a nivel local apoiando aos Concellos na execución de proxectos relacionados coas enerxías limpas e o aforro enerxético. O delegado incidiu en que moitos destes proxectos supoñen unha gran carga nos orzamentos municipais, moi gravosa no caso dos municipios máis pequenos, polo que estas convocatorias, ao igual que outras, como o DUS-5000, son una gran oportunidade para mellorar os servizos públicos e, ao tempo, reducir custos ás administracións locais.

En canto aos proxectos de renovación de iluminación seleccionados, estes conseguirán aforros de enerxía superiores ao 70% mediante a instalación de tecnoloxía LED na súa iluminación pública ou ornamental. Todos eles cumpren coas obrigacións de iluminación, calidade e confort visual regulamentados, contan cun sistema de telexestión para recompilar a información sobre consumos, funcionamento e programación en tempo real, con posibilidade de introducir correccións adaptadas aos usos e hábitos da cidadanía.

A nova iluminación supoñerá unha transformación significativa para os concellos beneficiados, coa redución da contaminación lumínica e do consumo enerxético. Esta propiciará, ademais, unha substancial rebaixa na factura eléctrica anual, que adoita a ser unha das máis relevantes dos gastos municipais.

Segunda convocatoria

O programa de axudas a proxectos de renovación de alumeado público está financiado polo Fondo Nacional de Eficiencia Enerxética (FNEE). As axudas cobren o 100% de cada expediente e consisten en préstamos reembolsables ata 10 anos, incluído un ano de carencia, sen interese nin esixencia de garantías, cun prazo de amortización duns sete anos en condicións normais de prezos da electricidade. Nas dúas convocatorias xa resoltas resultaron beneficiados 15 concellos galegos con 18 millóns de euros de achegas.

O Fondo Nacional de Eficiencia Enerxética (FNEE), que financia estas actuacións, ten como obxectivos esenciais promover e incentivar o uso e aplicación de tecnoloxías limpas, a diversificación de fontes primarias de enerxía, especialmente aquelas de orixe renovable, e a difusión de medidas para a eficiencia enerxética, así como o aforro de enerxía.

Exit mobile version