Durante ambas tardes, a veciñanza e visitantes poderán achegarse a este espazo dedicado á memoria colectiva e ao patrimonio cultural de Trabada. Ademais, ás 18:30 horas de cada día haberá visitas guiadas, nas que se explicará o contido das exposicións e o valor histórico dos obxectos recollidos no museo.
Estas xornadas supoñen tamén unha homenaxe ao legado e á memoria de Xosé Rocha, figura clave para a recuperación e preservación da historia local a través do seu traballo como recopilador e divulgador da cultura popular.
O alcalde de Trabada, Rubén García, sinalou que “o Museo Etnográfico Xosé Rocha é un exemplo do que se pode conseguir cando hai compromiso co noso pasado e coa nosa identidade. Queremos que toda a veciñanza, e tamén quen nos visite nestes días, poida coñecer e valorar este legado”. Engadiu tamén que “seguiremos traballando por manter vivo o patrimonio cultural do municipio e facilitar espazos para a súa difusión e desfrute”.
Desde o Concello de Trabada anímase á participación nesta actividade, que forma parte do compromiso municipal coa posta en valor do patrimonio etnográfico e coa dinamización cultural do territorio.